Publicacións

Mostrando publicacións desta data: marzo, 2026

Mulleres que fixeron historia: conmemoración do 8M en 2º ESO A

Imaxe
  Con motivo da celebración do 8 de marzo , o alumnado de 2º ESO A elaborou unha serie de carteis en formato de ficha técnica e biográfica dedicados a mulleres que destacaron en diferentes ámbitos e contribuíron de maneira significativa á historia. Entre as figuras traballadas atópanse, entre outras, Simone Biles, Beyoncé, Greta Thunberg, Isabel Zendal, Jane Goodall, Katherine Johnson, Rosalía de Castro, Rosalind Franklin, Tu Youyou e Valentina Tereshkova . A través desta actividade, o alumnado investigou as súas achegas e puxo en valor a súa relevancia en disciplinas como a ciencia, a cultura, o activismo ou o deporte. A proposta permitiu visibilizar referentes femininos diversos e promover a reflexión sobre a importancia da igualdade de oportunidades e o recoñecemento das mulleres na historia. Deixamos un arquivo cos traballos a continuación:  Traballos 2ESO A

Reflexionando sobre o 8M desde a palabra e a experiencia

Imaxe
  Con motivo da conmemoración do 8 de marzo , o alumnado de 1º de Bacharelato , nas sesións de Atención Educativa, participou nunha actividade de reflexión a partir da visualización dun vídeo e da lectura dun poema. O alumnado identificou, mediante o uso de diferentes cores, aqueles fragmentos que transmitían situacións de perigo e aqueles que representaban o empoderamento das mulleres. A actividade concluíu cun debate na aula no que se compartiron reflexións e experiencias persoais relacionadas cos temas abordados. Este espazo de diálogo permitiu analizar comportamentos que, en ocasións, se normalizan na sociedade, promovendo unha maior conciencia crítica e fomentando relacións baseadas no respecto e na igualdade.

Mulleres importantes na nosa vida: conmemoración do 8M

Imaxe
  Co gallo da conmemoración do 8 de marzo , o alumnado de Formación Profesional Básica participou nunha actividade de reflexión persoal na que debía elixir dúas mulleres significativas na súa vida e elaborar unha presentación ou un póster sobre elas. Posteriormente, cada alumno e alumna realizou unha exposición na aula, explicando as súas eleccións e xustificando a importancia destas figuras no seu día a día. A actividade favoreceu a posta en valor das mulleres do entorno próximo e promoveu a reflexión sobre o papel fundamental que desempeñan na vida persoal e social.

A presenza das mulleres na FP

Imaxe
  Na titoría de 2º ESO B , a docente Lucía Cociña desenvolveu unha actividade de igualdade a partir dun artigo xornalístico sobre a presenza das mulleres na Formación Profesional. A proposta comezou cun exercicio de imaxinación no que o alumnado visualizou distintos talleres profesionais e reflexionou sobre que imaxe lle viña á mente, identificando maioritariamente figuras masculinas. A partir desta dinámica, analizouse como os estereotipos de xénero inflúen na percepción dos estudos de FP e comentáronse datos reais sobre a presenza crecente de mulleres en diferentes familias profesionais, como Edificación e Obra Civil, Transporte e Mantemento de Vehículos ou Instalación e Mantemento. O debate posterior permitiu abrir a reflexión sobre a diversidade de opcións formativas e profesionais, promovendo unha visión máis igualitaria e libre de estereotipos. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/escuela/2026/03/03/as-mulleres-rompen-cos-estereotipos-na-formacion-profesional/0003177256976...